A sede

Facultade de Ciencias da Comunicación (USC)

A 12ª edición do congreso Small Cinemas celébrase na Facultade de Ciencias da Comunicación, situada no Campus Norte da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

A Facultade iniciou a súa andaina no curso 1991-92, primeiramente no edificio da praza de Mazarelos e, desde 1999, no novo edificio deseñado por Álvaro Siza Vieira. O centro acolle dous estudos de grao (Xornalismo e Comunicación Audiovisual), un de dobre grao e o Máster Universitario en Xornalismo e Comunicación.

O edificio é a segunda obra de Álvaro Siza na cidade de Compostela, despois do Centro Galego de Arte Contemporánea (CEGAC). Componse dun longo corpo axial, ao que se conectan, en perpendicular, unha serie de volumes como a biblioteca ou a aula magna. Esta organización ofrece unha riqueza espacial ambigua e poética, como é característico na obra de Siza e converte o edificio docente nun notable exemplo de obra de arte total da arquitectura contemporánea.