A cidade

A cidade de Santiago de Compostela foi declarada Patrimonio Cultural da Humanidade pola UNESCO en 1985.  A xustificación do Consello Internacional de Monumentos e Sitios (INCOMOS) recoñecía o seu “extraordinario conxunto de monumentos agrupados arredor da tumba de Santiago o Maior, e destino de todas as rutas da maior peregrinación da Cristiandade entre os séculos XI e XVIII”.

Sendo a Catedral o monumento con máis sona, todo o Casco Histórico de Compostela está inzado de edificios singulares que son historia viva da cidade: o Hostal dos Reis Católicos, as Casas do Deán e do Cabido, o Colexio de Fonsexa, o Mosteiro e Igrexa de San Martiño Pinario, o Pazo de Feixoo ou o Pazo de Raxoi, entre outros moitos. A arquitectura tradicional convive en simbiose coas obras de autor de arquitectos de prestixio internacional, espalladas por toda a cidade: edificios de Álvaro Siza, Manuel Gallego Jorreto, Giorgio Grassi, Arata Isozaki, Peter Eisenman ou Víctor López Cotelo.

Compostela é tamén unha cidade chea de cultura. Destacan os seus museos (Museo Galego de Arte Contemporánea, Museo do Pobo Galego, Museo das Peregrinacións, a Casa da Troia ou o Museo Centro Gaiás), as súas exposicións e eventos (no Colexio de Fonsexa ou no Auditorio de Galicia) e as galerías de arte. A presenza do cinema é fundamental para a vida cultural da cidade: dende o Cineclube de Compostela ata a sala NumaxPara desfrutar da natureza, en Santiago hai  innumerables parques, xardíns e outros espazos verdes: o Parque da Alameda, o Parque de San Domingos de Bonaval, o Parque de Belvís, a Carballeira de San Lourenzo, o Parque de Galeras, as Brañas de Sar, o paseo fluvial do río Sarela ou o Parque de Carlomagno, entre outros. Ademais, a vida universitaria anega Compostela de ocio para todos os públicos, con opcións propias dos circuítos alternativo e autoorganizado.

 Podes consultar máis información na páxina de Turismo de Santiago de Compostela.